A min contáronme en… ITALIA

Stefano Ninni é orixinario de Schiavi di Abruzzo, un pequeno concello de montaña da rexión italiana de Abruzzo, con pouco máis de 900 habitantes. Vive en Galicia dende hai máis de vinte anos, pero segue mantendo moi viva a memoria oral da súa infancia, que tamén lle transmite aos seus dous fillos, xa nacidos en Galicia (por certo, é pai dunha das nosas alumnas máis brillantes, Valeria Ninni).

Contounos unha tradición que protagonizan os nenos na noite de Nadal. Recollen leña polo día e de noite todo o pobo congrégase ao redor de grandes fogueiras que prenden nas partes máis altas da vila. Dáse unha especie de competición por ver que barrio ten as fogueiras máis grandes, pero en realidade, é unha maneira de estar xuntos e divertirse en comunidade.

Hoxe en día, a tradición mantense pero con menos participación de xente, pois a zona, igual que a montaña galega, sofre un importante despoboamento polo éxodo da xente moza a cidades coma Nápoles, Milán ou Roma.

Agardemos que poida manterse viva moitos anos, pois parécenos unha tradición moi fermosa

Traballo realizado polas alumnas Paula Franco, Ariadne Mesejo e Nidia Iglesias.

«A min contáronme», un mundo de tradición oral

«A cultura dunha nación reside no corazón e na alma da súa xente»

MAHATMA GANDHI

Cloe, Laura e Julia con Ryan, orixinario de Virxina (EUA), diante da súa academia de inglés

A tradición oral serve para transmitir coñecementos, valores culturais e sociais, ademais da memoria colectiva. 

É fundamental para manter vivas as culturas.

Manteñen as familias inmigrantes a súa TRADICIÓN ORAL nos lugares de acollida? 

Transmítenllela aos seus fillos? 

Lembran os contos, lendas, fábulas, cantigas de berce, cancións… que lles contaban na casa cando eran cativos? 

Teñen elementos comúns coa nosa tradición oral?

A nosa iniciativa, inserta no PDI Tecendo identidade(s) busca darlle resposta a esas preguntas ao mesmo tempo que facemos unha recolleita multicultural das tradicións orais que nos rodean, a das persoas que naceron noutros países e culturas pero que xa forman parte e enriquecen a nosa sociedade. 

A continuación, a presentación coa que lle introducimos a actividade á rapazada.